Praza pública Blogs
Hoxe en Praza:

Tripando terróns

O blog de Praza Pública sobre o mundo rural
Sobre o blog  

O mellor incendio no monte é o que non se inicia

As veces o fume, fai que o urxente impida ver o importante.

Os incendios forestais do mes de marzo, volven a evidenciar que é preciso outro modelo de monte e que no noso rural urxe unha verdadeira política de futuro.

Por que arde o noso monte?

Esta pregunta, como suporedes, non ten unha resposta inmediata xa que as causas dos incendios forestais son múltiples, tendo pola contra un mesmo axente causante: as persoas. Tan só entre un 2 % e un 5 % dos incendios son provocados por axentes naturais (raio,etc); o resto teñen unha compoñente humana.

Se ben cada incendio forestal pode ser individualizado e tratado estatisticamente como intencionado, neglixencia ou descoñecido; a realidade da súa aparición nos montes galegos presenta outras características e elementos precedentes. Así para referirnos ás causas dos lumes teremos que falar dos elementos estruturais que están na súa base e das condicións sociais e territoriais que os envolven.

A multitude de elementos que os ocasionan non se resumen, desde logo, en grandes titulares de prensa. Pola contra o gran problema dos lumes non é noticia: a situación do noso rural co abandono do territorio e a imparable perda de poboación.

 A prevención como ferramenta contra os incendios forestais

O señor Feijóo insiste na intencionalidade dos lumes e que nos nosos montes non hai ningún problema, esquecendo que desde fai anos se ten claro que a forma de atallar os incendios forestais é mediante a prevención, xa que a extinción non é máis que un parche momentáneo de un problema de maior calado. Isto implica a efectos prácticos preocuparse máis polo número de lumes que pola superficie queimada, ou o que é o mesmo, investir os esforzos en evitar que o lume chegue a producirse antes que en correr moito para apagalo unha vez iniciado. En definitiva, no marco dos incendios forestais este goberno está máis preocupado do plano mediático (o que poida saír na prensa) que en facer fronte ás causas que xeran os incendios; ou o que é o mesmo, máis pendente do fume que do lume.

Sen facer demagoxia cos lumes; o peor incendio que está a sufrir o noso país, segundo Manuel Rivas, é o que se leva por diante á esperanza. Traducido este termo ao noso rural, un dos problemas de maior importancia aos que o sector do monte se enfronta é o do abandono (da terra, do manexo, …). Para resolver esta cuestión, é fundamental que os elementos normativos doten á administración de maior poder de intervención no territorio. A opción escollida polo Partido Popular é precisamente a oposta: rebaixar a capacidade de intervención da administración e deixar nos mercados e na opción individual a especulación da xestión da terra.

A mellor política de prevención contra o lume é a posta en valor do monte, entendendo esta non só como un rendemento monetario. O que valoramos, coidámolo e se o coidamos, non arde.

 A necesidade de traballar coa xente e poñer orde no territorio

Non hai receitas máxicas para resolver a ecuación dos lumes, mais cómpre facer con urxencia actuacións encamiñadas a traballar coa xente e a poñer orde no territorio que comporte a solución definitva ao abandono da propiedade e por extensión aos incendios. Neste sentido a sociedade debe tomar conciencia sobre o rural en xeral e sobre o monte en particular.

Requírese, e cada vez máis, unha planificación paticipada do territorio que busque fórmulas de consenso para a xestión e manexo da terra. Toda actuación no medio que non teña en conta as persoas, o territorio e o futuro supón afondar no fracaso.

Precisamos de un goberno que conte coas persoas, que crea no rural, que xere iniciativas a prol do medio, que pense no futuro, que aposte por un mundo vivo, que resolva os probemas estruturais do noso monte e do noso agro, que traballe de forma integral, que planifique e ordene o territorio, que impulse a sensibilización da sociedade, que sume esforzos; en definitiva que faga prevención, … e con todo faremos algo por solucionar o problema dos incendios forestais.

En resume, a solución dos incendios forestais pasa por resolver os aspectos sociais e territoriais do noso rural e non tanto por apagar fumes. Precisamos de un goberno que conte coa xente, coa verdade por diante e que resolva os problemas a longo prazo.

LUMES, NUNCA MÁIS!